Na hora das lembranzas/En el transcurso del tiempo

A vida é un camiño que só podemos facer 
unha vez na vida. ¡Aproveitala!
 

Mentres imos indo, recorrendo ese camiño de vida e pola vida, desde ese neno que nace espido, sen máis axuda que o cariño dos seus, pero que xa comeza a aprendizaxe que vivir supón, que sinte os agarimos pero tamén os desamores, que te decatas que podes facer o ben pero tamén o mal, unhas veces querendo e outras sen ser consciente da túa irresponsabilidade, ata ese vello que ve como se acerca a morte moi caladiña, pero pacientemente sen deterse, unhas veces con dor e outras por esgotamento das mesmas forzas naturais.
 
Digo e descobro que neses tres intres, de neno a vello, pasando polo adulto, a vida vaise enchendo de afectos, de amores, algúns mais intensos que outros, pero todos deixando a súa marca, todos cheos de agarimosos recordos. Pero tamén chegan aquelas lembranzas tristeiras da xente que se foi, indubidablemente das persoas que non tiveches a ocasión de ofrecerlles unha desculpa. Xulgando os feitos, o balance non é tan xeitoso como quixera. Agora ben, nestas tres etapas tamén houbo momentos de tecer soños cando eras aínda un cativo; de sentir como se facían realidade, ou se viñan abaixo, algúns deles sendo adulto; pero de manter a cotío a capacidade de seguir soñando, endexamais abandoar a idea que, novo, adulto ou vello, a utopía sempre é posible.     
 
Polo que, dito todo isto, nesta parte irei engadindo aquelas vivencias coas persoas benqueridas. Dunhas que aínda viven, así como doutras que xa quedan no recordo. Agarimos e vivencias con persoas que as lembramos con moita paixón, que sempre fican vivas e repenican na memoria. Todas elas estimadas e xuntas neste anaco de espazo, co fin de que endexamais sexan esquecidas no tempo.
  
 
Maio do 2012
<<  <  1  >  >>
José Iglesias Fernández 2017 -- Editada por José Iglesias Etxezarreta -- Condiciones de uso