JIF De cristaleiro a alumno de Oxford
Lembranzas

Volver

 

Ruth Nóvoa Ourense / Entrevista en La Voz de Galicia /  Ver versión en PDF

 «A sociedade tense que facer cargo do que nace cunha cantidade mensual»

José Iglesias Fernández. De cristaleiro a alumno de Oxford, apoia a economía crítica do benestar

 

 

20/3/2011

A vida de José Iglesias (Ourense, 1931) ben podería ser o guión dunha película. «Fun o clásico neno pobre». Como moitos ourensáns emigrou. E progresou. Acabou sendo licenciado en Económicas e diplomado en Ciencias Sociais por universidades inglesas. Responde á definición do home feito a si mesmo. Pero tamén lle da a razón o refraneiro: tras un gran home, hai unha gran muller. A súa tivo moito que ver en que o galego que traballaba de cristaleiro no País Vasco acabara matriculándose en Oxford. «Eu tería sido un militantiño dun partido pero ca miña muller abriuse un mundo de posibilidades que eu soñaba». Nunca pensara tal cousa. Tal vez por iso se emociona cando o conta. Nos seus artigos e libros defende a economía crítica do benestar.

-Tivo unha vida moi intensa.

-Pasei por moitos oficios. Sendo rapaz, traballando como cristaleiro, fíxenme sindicalista para defenderme ante a empresa pero tamén para crear unha conciencia política. Entrei nunha situación de conflito coa dirección. Apretaron forte e non me quedou máis remedio que emigrar. A causa da miña emigración non foi que non houbera traballo senón que na miña empresa non me querían. ¡Non podía vivir da miña nai! Marchei con 23 anos para Bilbao. Empecei a buscar nos xornais as ofertas de traballo. Desexei ser muller porque traballo doméstico había moito. Iso si, cheguei un martes e o xoves xa estaba traballando.

-¿Que concepto tiñan alá dos galegos?

-Non o podo dicir porque non o percibía xa que viviamos entre nós. Había unha forte separación. Entramos como invasores pobres. Penso que era un pouco a opinión pero non a podía palpar. Estabamos apartados.

-¿Desde a súa experiencia, como valora que os mozos fiquen, cada vez durante máis tempo, cos seus pais?

-Neste momento estase a recuperar a familia do benestar, en lugar do estado do benestar. Antes aos avós metiámolos en residencias. Agora xa se empeza a dar o caso de familias que os sacan da residencia pola pensión. As pensións dos avós comezan a ser un colchón para as familias.

-¿Por que cre que se produce esa situación?

-Noto unha deseducación, iniciada polas familias de esquerdas, que sobreprotexeron aos fillos, que se acostumaron a recibir todo e a non pensar en aportar algo. Moitas veces nos preguntamos: ¿por que a xente non reacciona? Pois unha parte é porque o noso modelo de sociedade consumista fai desta xente, de todos, unhas persoas individualistas: os fillos non se preocupan do que lles pasa aos pais, que fan o sacrificio de financialos. Dábaselle todo. E ao dárselle todo pensaron que todo era así, gratuíto. Tampouco quixera xeneralizar. É unha visión subxectiva miña. Son unhas xeracións que temos que esperar a que se queimen. ¡Non queimalas! Teñen que vir novas xeracións, con dificultades como as que tiven eu, que nacín na miseria absoluta e me din conta de que na casa non había, que tiña que saír a buscar a vida. O paraugas familiar terá que desaparecer e no momento en que desapareza veremos que fan.

-Hai preto dun 45% de desemprego xuvenil. ¿Que lectura fai desa situación?

-Están aproveitando a crise para debilitar a man de obra a través do desemprego, dos contratos precarios, dos despidos baratos... Os chavales non se mobilizan. Pensan: ?Xa se solucionará?.

-E vostede, ás portas dos oitenta anos, ¿como valora o debate sobre o retraso da idade de xubilación?

-O que hai detrás dese debate é o intento, por parte dos capitalistas, de privatizar todo o sector público. O capitalismo necesita permanentemente buscar áreas onde facer beneficio. Quedan moi poucas. E as que son boas e con moita liquidez son os ben públicos: a sanidade, a educación e as pensións. O que está detrás é buscar o privatizar ese fondo tan brutal que eles necesitan acaparar desde o punto de vista financeiro e dos negocios. Trátase de eliminar o sistema de pensións público e sustituilo por un privado, que xa existe pero de forma voluntaria.

-Vostede, como membro do seminario de economía crítica Taifa, defende o concepto da renda básica dos iguais. ¿En que consiste?

 

-É o dereito que ten toda persoa, polo mero feito de nacer, a unha cantidade periódica, mensual, para cubrir as necesidades imprescindibles. Imprescindibles. Esta palabra é moi valeira porque, ¿quen define o imprescindible? Pero como definición a renda básica sería a obrigación que ten a sociedade de cubrir as necesidades de todo aquel que nace a través dunha cantidade que lle dé acceso ao mercado para cubrilas. Temos a educación, a sanidade... pero hai outros mínimos que o estado ten que dar: alimentación, vivenda... A sociedade tense que facer cargo do que nace. Sería unha cantidade que nace contigo e morre contigo.

«O debate da xubilación trata de eliminar o sistema público de pensións»

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2011/03/20/0003_201103O20C7991.htm

«Visitar Ourense é como tomar unha menciña contra a dor que dura un tempo»

O ourensán José Iglesias voltou nos anos setenta a España. A traxectoria familiar e profesional pasou primeiro por Bilbao (onde un grupo de alumnos pediron á Universidade de Deusto que o contratara como profesor de economía) e finalmente a Barcelona, onde sigue vivindo. Alí traballou durante 25 anos para a compañía química que hoxe se coñece como Sanofi-Aventis.

-¿Cal é a relación que mantén co seu Ourense natal?

-O meu cordón umbilical nin o puiden romper nin o quixen romper. Cando estaba no estranxeiro, en canto tiña un pouco de tempo para pensar, padecía un desgarro. O adulto tiña que sobrevivir e intentaba non deixar resquicio pero si quedaba un momento... entón aparecía o neno. E miraba sempre para Ourense. Este elemento foi permanente. A xente que non emigra nas condicións que eu emigrei igual non se dá conta desa ruptura. Igual non lle pasa a todos tampouco. Eu tiña moita ilusión posta en ser de aquí, en ser de Ourense. De todos os xeitos é curioso porque, por exemplo, algúns libros en galego linos por primeira vez en Inglaterra.

-¿Como encontra a cidade?

-A primeira vez voltei despois de 35 anos. A cidade viviu un cambio grande, un crecemento brutal que supuxo a aparición dunhas cousas e a desaparición doutras. Xa non atopas a ninguén coñecido. Polo tanto es só na cidade. Quedas ti só, cos teus pensamentos e os teus recordos.

-¿E superou xa ese desgarro ?

-As primeiras veces que viña marchaba destrozado. Ese desgarro vouno curando e volvo como sedado, máis tranquilo. Visitar Ourense é como tomar unha menciña, algo contra a dor que dura un tempo.

-¿Que fai cando ven a Ourense?

-Sempre visito a praza do Correxidor, onde vivín, e o cemiterio de San Francisco, para falar ca miña avoa.

-Ten outro lazo con Ourense. A Coral de Ruada.

-As veces que viña non era capaz de contactar en persoa, por timidez. Fíxeno por internet. Crecín sendo veciño da coral. E entrar na Coral de Ruada foi cumprir un soño.

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2011/03/20/0003_201103O20C7992.htm

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios

Todavía no hay ningún comentario, ¡Anímate y participa!

Imagen de seguridad Otra imagen Escribe los caracteres de la imagen:

José Iglesias Fernández 2017 -- Editada por José Iglesias Etxezarreta -- Condiciones de uso